Como buscar no catálogo

  1. Entra en cpm.biblio.xunta.gal, o catálogo en liña da biblioteca.
  2. Escribe no cadro de busca o título, o nome do compositor ou da compositora, o instrumento ou unha palabra clave. Co menú despregable podes limitar a busca a título, autor/a, materia ou sinatura.
  3. Na lista de resultados, cada ficha indica o tipo de documento (partitura, libro, gravación…) e a sinatura, o código que marca onde está colocado o exemplar na biblioteca.
  4. Anota a sinatura e, se non atopas o documento no andel, pídenos axuda na biblioteca.
  5. Coa busca avanzada podes combinar varios criterios e filtrar por tipo de documento.

Recursos de información musical en liña

Como citar as fontes

Cando fagas un traballo, unha presentación ou as notas ao programa dunha audición, indica sempre de onde tomaches a información, as imaxes, as partituras e as gravacións. Así recoñeces o traballo doutras persoas e permites que quen te lea poida comprobar as fontes.

No texto, indica entre parénteses o apelido e o ano, por exemplo (Apelido, 2020). Ao final, reúne todas as fontes nunha bibliografía ordenada alfabeticamente. Estes modelos seguen as normas APA (7.ª edición), simplificadas:

  • Libro: Apelidos, Inicial do nome. (Ano). Título do libro. Editorial.
  • Partitura: Apelidos do compositor ou da compositora, Inicial. (Ano da edición). Título da obra (Edición de Nome Apelidos) [Partitura]. Editorial.
  • Gravación: Persoa intérprete ou nome do grupo. (Ano). Título [Gravación sonora]. Selo discográfico.
  • Páxina web: Autor, autora ou entidade. (Ano). Título da páxina. Nome do sitio. Enderezo URL

Usar ben partituras e gravacións

  • Dominio público. En España, a obra dun compositor ou dunha compositora pasa ao dominio público 70 anos despois da súa morte, ou 80 anos se faleceu antes do 7 de decembro de 1987. Desde ese momento pódese copiar e interpretar libremente.
  • As edicións tamén contan. Aínda que a obra estea en dominio público, unha edición moderna pode estar protexida: a lei protexe durante 25 anos as edicións de obras en dominio público, e as edicións críticas ou revisadas poden ter dereitos propios.
  • Copias. Copiar ou escanear unha partitura protexida, enteira ou nunha parte substancial, require a autorización de quen ten os dereitos. Se precisas unha copia, pregunta antes na biblioteca ou ao teu profesorado.
  • Descargas. IMSLP e outros arquivos en liña indican o estado de dereitos de cada documento. Comproba que estea en dominio público na Unión Europea, non só noutros países como Canadá ou Estados Unidos.
  • Gravacións. As gravacións tamén están protexidas, polos dereitos das persoas intérpretes e das produtoras. Nos traballos podes incluír fragmentos breves para analizalos ou comentalos, citando a fonte e a autoría, tal como permite o dereito de cita da Lei de propiedade intelectual (artigo 32). Para publicar en internet, usa gravacións propias ou con licenza que o permita.

Bibliotecas Escolares de Galicia