Peonza de Oro nos Premios Espiral 2020

Ver todas

O proxecto Aturuxo Films-Imaxinando Músicas acaba de recibir a “Peonza de Oro” dos Premios Espiral 2020. Noraboa a todos os participantes!

Web de Espiral

Aturuxo Films desenvólvese desde hai 12 anos no IES de Cacheiras baixo a coordinación do seu profesor Sergio Clavero e ten como obxectivo principal o fomento do pensamento crítico a través da creatividade e desenvolver unha mirada reflexiva e sensible aos valores sociais e democráticos. E faino a través da aprendizaxe da linguaxe cinematográfica que articula moitos das mensaxes e informacións que nos chegan, non só a través do cinema ou da televisión, senón fundamentalmente das redes sociais e Internet. Descoñecer como se constrúen esas mensaxes déixanos indefensos, especialmente en idades temperás, podendo condicionar a nosa personalidade e construír unha realidade enganosa. Por iso é importante o labor pedagóxico para desenvolver non só a expresión oral e escrita, senón tamén a audiovisual, como xa recolle a lexislación educativa.

Deste proxecto xorde Imaxinado Músicas, que é un proxecto colaborativo co Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela e coordinado polo profesor Xosé Antonio Rodríguez que xerou un espazo de creación de cinema e música para o alumnado de ambos os centros con dúas liñas de traballo, por unha banda, a creación de bandas sonoras para as obras creadas en Aturuxo Films e, por outro, a composición musical a partir das cales se inspira o alumnado do centro de secundaria para realizar unha creación visual.

Actualmente o proxecto Aturuxo Films / Imaxinando Músicas é un referente a nivel nacional con numerosos recoñecementos como o Premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación, o 1º Premio Proxecta de Innovación Educativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia e os máis de 50 premios en Festivais de cinema nacionais e internacionais recibidos polas numerosas obras creadas polo alumnado como parte do proceso de aprendizaxe. Premio Mellor Curta Europea en Grecia, e varios premios en Rumanía, Argentina, Barcelona, Madrid, Donostia, Valencia, Plasencia, Fuente Obejuna, Zaragoza, La Almunia, Bueu, Noia, Ourense…ata 22 premios só no último curso con seis obras diferentes que recoñecen o grande traballo e talento do alumnado que participa neste proxecto que se desenvolve curricularmente en diferentes materias do IES de Cacheiras e do CMUS de Santiago.

X